Este glosario é o resultado do proxecto de fin de carreira de Cristina Braña Montaña, presentado o 1 de novembro de 2007 na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Este traballo foi dirixido polo Prof. Dr. Carlos Garrido.

Para delimitar o corpo de termos partiuse do Guía de plantas medicinais de Galicia (SILVA-PANDO et al.: 1996).

Aínda que o punto de partida foi o índice de nomes científicos, a procura de termos pode facerse partindo de calquera das linguas recollidas no glosario: galego, portugués, español, inglés e alemán. Como ferramenta auxiliar tamén ofrecemos un índice por taxons.

Na sección Bibliografía pódese atopar un listado das fontes de extracción terminolóxica empregadas para a realización deste proxecto, cos seus acrónimos correspondentes. Para os casos nos que un mesmo termo aparece recollido en varias fontes mais con pequenas diferencias gráficas, as referencias bibliográficas discordantes marcáronse cun *.

As entradas principais do glosario organizáronse segundo a seguinte estrutura:

nome científico

Nome científico e autoridades correspondentes

taxon

Familia taxonómica

galego

Nomes vernáculos galegos en orde alfabética seguidos de cadansúas referencias bibliográficas; os nomes-padrón en negriña tiráronse de (PP) e (VB).

português

Nomes vernáculos lusobrasileiros en orde alfabética seguidos de cadansúas referencias bibliográficas; os nomes-padrón en negriña tiráronse de (HN) e (VP). As denominacións non peninsulares (Açores, Madeira, Brasil) coméntanse á parte.

español

Nomes vernáculos casteláns en orde alfabética seguidos de cadansúas referencias bibliográficas; os nomes-padrón en negriña tiráronse de (D) e (SP). Ast.: así figura marcada a fitonimia propia das Asturias, pola proximidade etimolóxica e fonolóxica que moitas veces presenta con relación ás voces galego-portuguesas.

english

Nomes vernáculos ingleses en orde alfabética seguidos de cadansúas referencias bibliográficas; os nomes-padrón en negriña tiráronse de (ME) e (FF).
deutsch
Nomes vernáculos alemáns en orde alfabética seguidos de cadansúas referencias bibliográficas; os nomes-padrón en negriña tiráronse de (IG) e (MP).

No que se refire ás notas, as observacións referidas a algún dos termos aparecen de seguido en cada unha das fichas, marcadas pola cor negra do texto e por unha orde numérica, polo que non presentan ningún problema.

Esta páxina-web foi deseñada e creada por José Miguel Braña Montaña.